Sinopsis
Vilar do Courel é unha pequena aldea agochada entre as montañas luguesas, que, cos seus últimos alentos, resiste a desaparición provocada polo despoboamento e o avellentamento do mundo rural. Os seus tres últimos habitantes son os gardiáns dun espazo sen tempo, que transita o seu pasado e mira cara ao futuro dende un presente baleiro, inmóbil e fráxil. Coa chegada de Branca dende Barcelona para visitar o seu avó, a realidade da aldea comeza a transformarse. Durante o día, os veciños viven a súa vida cotiá en soidade, mais, coa chegada da noite, actívase inconscientemente a súa memoria. Lembranzas do pasado e antigas lendas guían os personaxes a través de fragas máxicas e camiños esquecidos. Un espazo onírico semella flotar sobre o real, filtrándose polas súas regañas, anegándoo cada vez máis e ameazando con descontrolarse. Quer personaxes quer forma sitúanse así no terreo dos soños e a memoria, como límite entre dous mundos, o dos vivos e o dos mortos, a resistencia do real e a súa reconstrución como retrato. No interior desta curtametraxe están conservadas as voces, os xestos e as facianas dos que a habitan, como rastro ou pegada das súas vidas convertidas en historia.